II Andaina do Condado – Marqués de Vizhoja – As Neves – Arbo – 08/04/2017

O sábado 8 de abril do 2017 participei na II andaina do Condado – Marqués de Vizhoja, que discurriu polos concellos de As Neves e Arbo, con final nas adegas do Marqués de Vizhoja. No meu caso participei na de 50km. Ademais había outras 2 versións, de 27 km e de 12 km. O domingo todo esto complementábase cun trail, con versión de 21 km ou de 39 km.

A continuación describo a proba, tanto a información previa como a proba en si.

Información previa

A información previa á andaina foi bastante completa. Creo que non botei de menos ningún tipo de información. Pode que axudara incluír as coordenadas GPS do punto da saída.

  • Horario de saída: 09:00 horas da praza do concello de As Neves.
  • Recollida de dorsais : 07:45 a 08:45 na plaza do concello de As Neves.
  • Avituallamentos: 6, indicados no perfil da ruta.
  • Bus de volta dende as Adegas Marqués de Vizhoja ata As Neves: cada vez que se completen as 57 prazas do bus.
  • Furgón para levar unha mochila ou bolsa a Meta: ás 08:30 sae un furgón aberto onde podemos meter unha bolsa cunha muda para a espera en meta.
  • Reglamento dispoñible en PDF.
  • Duchas : estarán abertas a partir das 18:00 horas no pabillón municipal do concello de As Neves.

Cartel da proba

Perfil da proba

Track (da organización)

Inscrición

A través de Track de Race, con pago con pasarela bancaria. Sen ningunha incidencia.

A proba

Datos do meu reloxo (Suunto Ambit2 Sports):

  • Distancia: 52,13 Km.
  • Desnivel positivo: 2.333 m. (vs. 1.480 m. que indica a organización).
  • Desnivel negativo: 2.347 m.
  • Tempo: 10h 53′.
  • Track: descarga. (orixinal e editado). En Wikiloc.

Datos subxectivos:

  • Marcaxe: excelente (non me perdín). O reverso das cintas laranxas podían confundirse pola súa cor (entre blanco e laranxa) coa maleza seca, o que en casos puntuais facía as cintas pouco visibles. Ao mellor podería ser interesante usar unha cor máis visible.
  • Avituallamentos: o número adecuado, os alimentos adecuados, os voluntarios axudando e dando ánimos (incluso botándonos unhas risas con algún deles, como no último avituallamento, que nos dicía que quedaban dúas subidas pero moi moi fáciles). Moitas gracias polo voso traballo, cracks.

A proba en si foi bastante dura. A pesar de non ter un desnivel tremendo (2.333 m. de D+ polo meu reloxo), a calor que tivemos, cuns 30ºC, fixo que a partir do km 25 a proba se endurecera, con abandonos, golpes de calor, deshidratacións,… incluso escoitei algunha ambulancia. Pero vou a empezar polo principio.

Cheguei a eso das 8:30 á Praza de As Neves, onde nos entregaron o dorsal, a tarxeta de control de pasos e algún regalo, como a gorra, que moita xente xa estrenou na propia andaina. Últimos detalles da preparación, como a protección dos pés con esparadrapo e Corpitol, crema solar, auga no Camelbak,.. e á saída.

Algo que me sorprendeu foi que co día de calor e sol que anunciaba a previsión metereolóxica, moita xente nin levara gorra, nin crema solar protectora nin bidóns de auga para ir bebendo entre os distintos avituallamentos.

Ás 9:00 saimos cara ao pico de San Nomedio, situado no km 11, que era o único desnivel importante que había que salvar. Unha subida tendida, aínda con fresco, que só se empinaba con dureza logo do avituallamento do km 8. Fixen cumio bastante enteiro e empecei a baixar, tras pasar ao lado das torretas de comunicacións e da capilla de San Nomedio.

A baixada tamén era tendida. Nos tramos iniciais era máis sinxelo trotar deixándote ir en vez de andar. Cando levaba un km baixando parei a protexer os pés con esparadrapo e con Corpitol as zonas nas que xa notaba que en breve se ían a facer bochas. Acabei con pés bastante enteiros gracias a estes coidados. Sigo baixando. Os grupos xa se ían estirando e xa podías andar sen ver a ninguén, o que a min, particularmente, me encanta: dame unha sensación de paz incrible. Segundo avituallamento no km 16. A xente aínda vai con forzas. Sendeiros preciosos e pouca pista ata chegar a As Neves, de onde partíramos 4 horas antes.

Xa fai bastante calor. Volvo a darlle un repaso aos pés con esparadrapo e Corpitol: mellor previr que lamentar. Na propia saída está o terceiro avituallamento, onde hai comida máis contundente: xa é mediodía.

Inicio a segunda parte da andaina, a que me levará á Adega do Marqués de Vizhoja. Unha segunda parte durísima.

Tras unha baixada suave por sendeiros e pistas ata chegar á altura do río Miño, onde alternamos entre sendeiros de pescadores de lampreas e zonas de vía do tren, que co empedrado típico da vía e a calor que facía, co sol caendo e quentando duramente, facía bastante dura a andaina.

Cheguei ao avituallamento do km 33 bastante tocado, con moita calor e pensando que podía empezar a estar deshidratado, a pesar de ir bebendo continuamente. As ganas eran de parar e abandonar. Parei a comer e beber algo, charlei cos voluntarios e con dúas parellas que estaban facendo a andaina a un ritmo semellante ao meu, do clube Cornelios. Animáronme, un deles incluso quixo esperar por min, e decidín continuar.

Seguín polos sendeiros que van pegados ao río, cunhas zonas fermosas, por onde hai unhas cantas praias onde apetecía máis pegarse un baño que seguir andando. Tanto esta zona como a posterior á saída de Arbo son moi recomendables para pasear, darse un baño no río, merendar,… Son preciosas.

Sobre o km 39 empecei a subida a Arbo, sen un desnivel excesivo pero dura pola calor que facía. Parei varias veces a tomar folgos e a beber. Na zona superior incluso me atopei a dous compañeiros, un dos cales parecía que lle pegara un golpe de calor e estaba á sombre duns eucaliptos. Pregunteilles se necesitaban axuda e continuei.

No km 40 estaba o avituallamento nunha praza en Arbo. Cheguei destrozado. Parei, senteime, bebín, comín algo, descansei, enchín o Camelbak e continuei, cometendo o fallo de deixar os bastóns. Tiven que andar sobre un km de máis ao ter que volver a buscarlos.

Tras saír de Arbo a ruta volve ao río, a unha zona técnica, onde hai que axudarse por veces de cordas para subir ou baixar, que vén a ser un auténtico rompepernas co que traes enriba. Esta zona tamén é moi bonita, baixando o río máis encaixonado que na zona anterior. Visita recomendada.

No km 44 o percorrido abandona o río e diríxese en subida polo monte cara ás adegas do Marqués de Vizhoja. Aquí atopeime a 4 integrantes do clube no que me acabo de federar, Xistra de Vigo, e fun falando con eles e coñecéndoos.

E así cheguei ao avituallamento do km 48, onde un crack nos dicía o de sempre, un par de pequenas subidas con pouco desnivel e xa estades na adega. Todo mentira, como me esperaba ;), xa que aínda quedaban un par de cortalumes empinados. Algo máis de pista, monte, xente tocada e meta tras case 11 horas, 1 h. máis do que me esperaba, anque co día de calor que tivemos bastante fixen con non abandonar.

Na meta volvín a atoparme aos cracks de Cornelios e a máis xente que xa empezo a coñecer doutras andainas.

Último avituallamento con callos, empanada, cervexa, isotónicas, viño do Marqués de Vizhoja. Todo moi rico e completo.

Ás 9 da noite voltei no autobús cara a As Neves. Alí preferín volver para ducharme na casa en vez de ir ao pabillón, polo que non poido opinar das instalacións.

Resumen

Proba moi ben organizada, rompepernas e moi dura polo día de tanta calor que tivemos. Merece a pena facela.

 

1 comment

Leave a comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.