Ultraandaina os 100 dos International Trekkers 2016

A ultraandaina e ultratrail “Os 100 dos International Trekkers” é unha proba non competitiva cun plantexamento claro: completar 100 km polo monte, andando ou correndo, saíndo dende a Pobra do Caramiñal,  percorrendo os concellos de Ribeira, Porto do Son, Noia, Lousame, Rianxo e Boiro para rematar no punto de partida, na Pobra do Caramiñal. Este é o mapa da proba, aportado pola organización.

mapa1

E o perfil é o seguinte, que detallarei máis adiante tramo a tramo.perfil-avituallamentos-definitivo-b

Era a primeira vez que me atrevía a participar nunha proba tan longa, xa que ata o de agora só fixera maratóns e unha andaina de 50 km.

Este tipo de probas é desas que ves polo Facebook algunha vez, que pensas “vaia animalada de proba, e como molaría intentar completala” e déixala aí, no caixón olvidado dos desexos que posiblemente nunha afrontes. Logo falas con xente do equipo que xa a fixo (Rocío, neste caso) e que te animan, e vaslle collendo algo máis de interese.

Pero, obviamente, todo ten un proceso evolutivo natural: non te metes a correr un maratón sen pasar polos 10km e polo medio maratón (ou non o deberías de facer, que de animaliños están as probas cheas). E no meu caso foi probar as sensacións nunha andaina de 50 km, a de Salceda de Caselas do 2016, na que acabei bastante enteiro, pero con bochas, o que me levou a plantexarme esta proba.

Fun dándolle voltas á idea de participar na proba, ata que vin que coincidía coas eleccións xerais, co que supuxen que a proba se suspendería, xa que hai unha falsa lenda urbana que di que os días que hai eleccións non se poden celebrar competicións deportivas. A organización do evento, dado o número de inscritos existentes, acertadamente decidiu continuar coa celebración da proba.

O seguinte punto era consultar con Dani, o entrenador do Atletismo Porriño, equipo do que formo parte, se me vía capacitado para participar ou non na andaina. Foi algo tal que así:

Teño ganas de facer esta andaina http://2016.itrekkers.org Olvídome por ser moita tralla ou doulle con sentidiño?

A resposta, clarificadora

Dalle lume

Neste momento tiña claro que me ía apuntar á andaina, anque faltaba un penúltimo paso, comprobar que non me tocaba ser parte dunha mesa electoral, o que me impediría participar. Ao día seguinte do sorteo das mesas fun ao taboleiro de anuncios do Concello do Porriño e comprobei nun taco de folios que non me atopaba en ningunha mesa. O de listados electrónicos dixéronme que era algo demasiado moderno, que en papel mola máis. ????????

Obviamente votei por correo, que é algo máis prioritario que calquera proba deportiva. Logo a chorar vaise votado.

O último paso era comentalo coa parella, que me puxo a seguinte cara ??????, pero como tiña a aprobación de Dani (que importante é a confianza no entrenador), pois para adiante. A pregunta foi: “e logo de que completes este reto, cal vai a ser o seguinte?”. “Téñoo claro, pero polo de agora está no caixón dos desexos pechado con chave”.

Inscrito. Dorsal 215.

O seguinte paso era equiparme co material adecuado, dado que na anterior andaina as bochas foran provocadas por usar as zapatillas de asfalto, que protexen moito menos o pé que unhas botas de trekking ou unhas zapatillas de trail/ultratrail. As novatadas páganse.

Tiña claro que ía a levar o Camelbak Rogue de 2 litros, que anque é moi xusto de capacidade para levar material, se chego a dispoñer dunha mochila máis grande ía a cargar máis kg. innecesarios.

O frontal que comprei foi o Led Lenser H7.2, que me convenceu para este tipo de probas. Coa intensidade mínima era máis que suficiente para toda a proba e puiden estar toda a noite sen cambiar as pilas, cousa que me preocupaba bastante por se estaba só, na escuridade e me quedaba sen pilas. Cambialas podía ser toda unha odisea, ou esperar ata o seguinte participante para que me alumeara.

Como bastóns comprei os Black Diamond Trail Back, que non me convenceron demasiado, xa que co paso das horas vanse acortando, tendo que volver a axustar a súa lonxitude, e un deles ao final da proba, cuns 120km de uso, vibraba algo. Aínda non revisei que lle pode pasar.

E o máis importante, as zapatillas. Inicialmente optei por La Sportiva Ultra Raptor, anque tras probalas eran demasiado xustas no empeine, co que pode que me acabaran molestando ao inchar os pés cos kilómetros. Na tenda Terra de Vigo, especializada en montaña, ensináronme e aconselláronme as zapatillas que ao final utilicei, as Salewa Ultra Train, e que se comportaron excepcionalmente. Usei un número máis do que uso habitualmente en asfalto.

A continuación, tras reunir este material e moito pequeno material que ordeei nunha folla de cálculo, repartino de xeito que separei o que ía levar enriba na saída e o que ía a ter en cada un dos tres avituallamentos con bolsa que nos facilitaba a organización, nos km 26, 46 e 86.

E neste tempo, obviamente, adiqueime a facer o entrenamento aeróbico que puiden, facendo pouca andaina, para evitar as bochas, substituíndoas por bicicleta, estática, natación e algo de carreira. O obxectivo era manter o fondo que traía do maratón da Coruña.

E nestas chegou o día 25. Marchei só cara á saída, á Pobra do Caramiñal, a 1h e 15′ da casa en coche. Cheguei con bastante tempo, fun ata a saída, puxéronme a pulseira/dorsal (moito mellor que ter que levar un dorsal prendido con imperdibles ou cun cinturón portadorsais), entreguei as mochilas para os avituallamentos e logo volvín ao coche para prepararme para a carreira.

O mellor que puiden facer foi encintar as zonas nas que prevía que podía ter bochas con esparadrapo de papel (non de tela, que pega moito máis e podería arrancarme as bochas se apareceran) e cubrir os pés (esparadrapo incluido) cunha fina capa de Corpitol, que son ácidos grasos hiperoxigenados, moi usados en xente encamada, para evitar úlceras. Repetín esta acción (reparar o esparadrapo e aplicar Corpitol) no km 46 e no 86 e acabei cos pés perfectos.

Antes de empezar a contar as miñas sensacións na proba, teño que agradecer enormemente a todos os voluntarios que estaban nos avituallamentos dando comida, bebida, reenchendo o Camelbak, explicándonos como era o seguinte tramo e, sobre todo, dando ánimos, moitos ánimos, a pesar de que nos vían destrozados. Ocórrenseme un millón de cousas mellores que botar máis de 24 horas axudando a que 245 pirados traten de andar ou correr 100 km en 24 horas. Só teño palabras de agradecemento para eles. Incluso unha voluntaria que fun vendo en varios avituallamentos, creo que co marido e nalgúns puntos cos fillos, me veu a felicitar na meta. ???????

Volvamos ao inicio. Chegaron as 17:00 horas do día D. Tras unhas palabras do presidente da organización, do director técnico e do alcalde da Pobra do Caramiñal, e logo de gardar 1 minuto de silencio por un compañeiro recentemente falecido, saímos á aventura. Nunca mellor dito, todo unha aventura para alguén coma min que nunca botara tanto tempo nunha proba tan longa.

Saín con Santi, un compañeiro do Atletismo Porriño, que é de Lousame, un dos concellos por onde pasa a proba, co que estes primeiros quilómetros fanse moi amenos.

Tramo 1. A Pobra – San Alberte (Ribeira). 14,6 km. km 0 a km 14,6.

17:00:00 a 19:34:49. 2h 34′ 49″.

Este primeiro tramo, de 14,6 km, era un tramo sinxelo, case todo plano, que discorría por camiños, praias e algún tramo semiurbano. Estaba tan bo día e había tanta xente nas praias que daban ganas de quitar o Camelbak e tumbarse na area. Resultounos curioso a Santi e a min que iamos a máis de 6 km/h e iamos literalmente pechando a carreira: a xente empezara bastante forte. Trotamos un km pola zona de Palmeira para soltar as pernas e xa adiantamos a bastante xente.

No km 8 había un avituallamento de auga, para recargar o gastado, e unha primeira subida sobre o km 11, que se levaba ben. Esta subida acababa no alto de San Alberte, onde había un avituallamento sólido bastante completo. Comín algo de froita, un minibocadillo, algo de bebida, enchín o Camelbak e a polo seguinte tramo.

tramo1-desnivel

Tramo 2. San Alberte (Ribeira) – Miradoiro de Valle Inclán. 10,1 km. km 14,6 a km 24,7.

19:34:49 a 21:36:53. 02h 02′ 04″.

Este segundo tramo empezaba cunha pequena subida para enlazar cunha baixada, que fixemos correndo suave para ir soltando as pernas. Cando acabamos a baixada empezamos a percorrer unha senda fluvial de varios quilómetros, totalmente plana, ata o km 20-21, onde empezaba unha subida que xa tiraba, ata o miradoiro de Valle Inclán, onde estaba o terceiro avituallamento, e onde tiñamos a primeira das bolsas para poder cambiarnos. Como non notaba nada raro nos pés non fixen ningún cambio de calcetíns nin historias raras. Só collín unhas pilas de reposto para o frontal, repuxen as barriñas enerxéticas que fora comendo e puxen unha camiseta térmica e un cortaventos, xa que sopraba moito vento e a sensación térmica era baixa. Tras comer algo e encher o Camelbak, Santi e eu volvimos a arrancar. Aquí paramos sobre 10 minutos.

tramo2-desnivel

Tramo 3: Miradoiro de Valle Inclán – A Portela. 8 km. km 24,7 a km 32,7.

21:36:53 a 23:21:31. 01h 44′ 38”.

Este terceiro tramo empezaba cunha baixada que rodeaba o cumio da montaña para continuar cunha forte subida, de 1 km aproximadamente. Unha vez que acababa esta subida, o resto do tramo picaba un pouco para arriba pero permitía andar bastante ben. Neste tramo plano xa se nos fixo noite. Sobre as 23:00 horas tivemos que poñer os frontais, xa que non se vía nada. E chegamos ao avituallamento da Portela, onde comín algo rápido, enchín o Camelbak, collín algo para comer no camiño e tiramos tras 2-3 minutos de parada.

tramo3-desnivel

Tramo 4: A Portela – Alto de Guiende. 13,8 km. km 32,7 a km 46,5.

23:21:31 a 01:49:50. 02h 28′ 19″.

Este cuarto tramo non tiña tramos complicados. Aquí pasamos unha primeira zona plana onde o vento soplaba moi forte, levantando bastante po. Logo viña algunha subida e baixada, deixando o cumio do Monte Iroite na parte dereita, onde se encontra unha base militar. Neste tramo Santi empezou a apurar o ritmo e a trotar nas baixadas, co que xa nos separamos ata a meta.

Fun tramos só e tramos cun grupo de xente, ata que logo dunha baixada chegamos ao aviuallamento do Alto de Guiende, onde estaba a cea e a segunda bolsa de material. Neste avituallamento revisei os pés, porque tiña a sensación de que levaba unha bocha na planta esquerda e outra no talón dereito. Por sorte os pés estaban perfectos. Repuxen o esparadrapo que estaba danado, puxen unhas tiras de esparadrapo na planta do pé esquerdo, onde estaba tendo molestias, volvín a aplicar unha capa de corpitol e cambiei os calcetíns por outros idénticos aos que levaba. Tamén cambiei o calzoncillo e o pantalón por outro similar ao que levaba. Collín outro xogo de pilas por se acaso, unha gorra e unha camiseta de manga curta para cando saira o sol ao día seguinte, repuxen as barriñas enerxéticas que fora comendo e dispúxenme a cear. Había ensalada de pasta, aliñas de polo e outro plato que non recordo. Tomei un pouco de pasta por comer algo, xa que non me entraba nada de comida. Debín de darme conta de que algo non ía ben ao non ter fame. Bebín algo, enchín o Camelbak e continuei o camiño, logo de parar 10-15 minutos. Desde este punto fun con Jose, un home que estaba esperando por alguén que saira para non ir só. Era a súa terceira participación na proba e xa fixera algunha proba longa máis, tal e como me foi contando.

tramo4-desnivel

Tramo 5: Alto de Guiende – Noia. 6,6 km. km 46,5 a km 53,1.

01:49:50 a 03:28:20. 01 h 38′ 30″.

Este quinto tramo era un tramo sinxelo. Logo dunha lixeira subida o resto era baixada ata chegar ao campo de fútbol de Noia, onde estaba o seguinte avituallamento. Algunha baixada era forte, co que facía que as pernas xa se foran resentindo. No medio do tramo pasamos o km 50 (obviamente a seguinte foto non a saquei eu na carreira, xa que debimos de pasar por alí sobre as 2:45 da madrugada. É da organización da proba).

km_50

A partir de aquí empezo a descontar km. No casco urbano de Noia a sinalización non era boa, pero creo que a organización era consciente do problema (supoño que o Concello non lles permitiría pintar o chan) e tiña a un ciclista que nos acompañou pola zona onde nos podíamos perder. Ademais, no resto do traxecto ata o campo de fútbol había xente para indicarnos o camiño. Chegamos ao campo de fútbol, como e bebo algo, recargo o Camelbak e continuo o traxecto con Jose. Unha parada de 5 minutos.

tramo5-desnivel

Tramo 6: Noia – Minas de San Fins. 9,9 km. Km 53,1 a 63,0.

03:28:20 a 05:49:03. 02h 20′ 43″.

Dende Noia empezaba un tramo no que se ía gañando altura. Non era un tramo sinxelo pero tampouco excesivamente complicado. Fun con Jose parte do tramo ata que se adiantou nunha subida e non o puiden seguir. O vento seguía soprando e a sensación térmica era baixa.

Cando cheguei ao km 63, en Minas de San Fins, estaba literalmente destrozado. Ese home do mazo, que sempre me vén a visitar nos km 30-35 do maratón, acababa de aparecer no km 63 da andaina. E sen compasión ningunha, pegando con toda a súa forza. Comín un pouco de froita (non me entraba nada), senteime a descansar e empecei a temblar de frío. Neste momento, de tanto frío que tiña, plantexeime seriamente abandoar. Empezan a pasarche pola cabeza pensamentos como “Que fas ás 6 da mañá no medio do monte tiritando de frío? Retírate e vas a durmir logo dunha ducha quente”. Alguén da organización nese momento comentou que polo de agora abandoaran 30 persoas. O primeiro que se me pasou pola cabeza foi “Hostia, vas a ser dese 10% que abandoa a proba? Bótalle pelotas e saca forzas de onde non as tes” (que se abandono non pasaba nada, pero por experiencia propia sei que me ía a estar comendo a cabeza ata o ano seguinte, como me pasou cando abandoei na Toxiza Classic Xtreme do 2015 de Mondoñedo. Aínda teño esa espiña clavada, anque no 2016 acabei a proba corta). Á vez atopeime cun home que xa me encontrara noutros avituallamentos, co que compartín logo un tramo, Dopazo, do clube Veteranos de Galicia de Marín, que me deu os ánimos suficientes para que seguira, recomendoume descansar, comer algo e beber. Creo que se non é polos seus ánimos nese momento non acabo a proba, marcho para a ducha. Puxen unha terceira capa, a camiseta térmica de manga curta que tiña no Camelbak preparada para cando saira o sol, levanteime e empecei a andar, cometendo un grave erro, xa que neses momentos a cabeza non che da para máis: non encher o Camelbak con auga.

A partir de aquí só tiña un obxectivo: chegar á meta en tempo, para o que me propuxen unha estratexia clara e cortoplacista (coma un político): ir km a km, só pensar en chegar ao próximo km. Esa mesma que usa Simeone no Atlético de Madrid: partido a partido.

tramo6-desnivel

Tramo 7: Minas de San Fins – Ourille. 9,6 km. Km 63,0 a km 72,6.

05:49:03 a 08:04:57. 02h 15′ 54″.

Arranquei como puiden, a paso lento, xa que os 2,5 primeiros kms. eran de subida. Coa saída do sol parece que empecei a recobrar forzas e a atoparme moito mellor. É impresionante como o corpo e, sobre todo a mente, poden pasar de estar fundidos a estar recuperados completamente. Pero sigo km a km, descontando, que a meta está moi lonxe. Chego ao avituallamento sen auga, quito o frontal, poño a gorra, encho o Camelbak, como e bebo ben (nese momento xa me entraba todo) e reanudo a marcha.

tramo7-desnivel

Tramo 8: Ourille – Pazos. 13,4 km. Km 72,6 a km 86,0.

08:04:57 a 11:15:24. 03h 10′ 27″.

Ao sair do avituallamento quedaba unha pequena subida, que se facía sen maior problema, ata o cumio dun monte, para empezar a baixar por unha zona técnica, de pedras, que anque non era excesivamente complicada, había que baixar con coidado para non levar unha boa caída. Nun punto no que realmente se complicaba a baixada volvín a atoparme a Dopazo, o home do avituallamento do km 63, coa muller e un compañeiro. Fomos baixando xuntos, presentándonos, falando de maratóns, medios maratóns, as carreiras de aquí e de acolá, co que a baixada fíxoseme moi amena. Ao chegar á zona plana apretaron un pouco o paso e xa non os volvín a ver.

Tras esa zona plana esperábanos unha subida bastante pendente, ou eso me pareceu polo cansado que ía. E nesta subida volvín a coller a Jose, co que fora no tramo de Noia. Funme indo de el na subida, anque na baixada xa me volveu a alcanzar. Na baixada non quixen seguilo, xa que nas baixadas as pernas xa me ían moi xustas e el ía máis forte baixando ca min. Nestes momentos tiña a sensación de que subía mellor do que baixaba.

No km 84 apareceu un avituallamento sorpresa, que me deu a vida, xa que levaba 1 km sen auga no Camelbak, e o sol estaba pegando bastante.

E logo da baixada cheguei ao avituallamento de Pazos. Tiña claro que era moi complicado que, salvo lesión, non acabara a carreira dentro de tempo. Pero aínda tería outro contratempo, que contarei máis adiante.

Cheguei tan rebentado a este avituallamento, no que tiñamos bolsa de cambio, que collín unha silla, senteime, collín bebida, comida e estiven descansando e repoñendo forzas uns 15-20 minutos. Repuxen o esparadrapo e o Corpitol nos pés, cambiei os calcetíns por outros iguais aos que levaba, quitei todas as capas que levaba excepto a de manga corta, protexinme ben con crema solar (o sol estaba pegando bastante, anque a calor non era excesiva), deixei a roupa que me sobraba e o frontal na bolsa de cambio, enchín o Camelbak e tirei para o penúltimo tramo.

tramo8-desnivel

Tramo 9: Pazos – A Portela. 6,0 km. Km 86,0 a km 92,0.

11:15:24 a 13:15:25. 02h 00′ 01″.

Aquí chegaba o rock and roll da proba. Con 86 km baixo as pernas, a mellor definición deste tramo é con esta canción de AC/DC

Era unha subida infernal. Empezaba unha primeira subida dun par de quilómetros continuos e agotadores, seguidos dunhas zonas planas alternadas con pequenas costas, ata o km 90. Neste punto atopabas este cartel

km_90

Cando ves este cartel pásanseche moitas cousas pola cabeza. Todos eses momentos de entreno, todos eses malos momentos durante a proba. Sabes que está case feita. Pero… o de “2 km” é literal. 2 km continuos de costa moi empinada. Cando dabas un xiro aparecía outra costa, cando volvías a xirar, outra costa, e así fun gañando altura cun compañeiro de bigote (non sei o seu nome, non tiña acento galego) do que fun tirando ata chegar ao km 92.

Cheguei destrozado ao km 92, pero alí esperábannos os voluntarios, sempre dispostos a animar, a darnos comida, bebida e moitos ánimos. Senteime dentro dunha carpa, descansei uns 10 minutos mentras comía e bebía, deixei que o compañeiro co que subín se marchara (preferín descansar un pouco máis), enchín o Camelbak e dispúxenme a andar o seguinte tramo, logo de agradecerlle aos voluntarios todo o seu traballo. Aos voluntarios hai que agradecerlles sempre o seu traballo, xa que están pringando para que nós nos “divirtamos”.

tramo9-desnivel

Tramo 10: Da Portela á Pobra. 8,0 km. Km 92,0 a km 100,0.

13:15:25 a 15:26:19. 02h 10′ 54″.

Xa está feito, 8 km e listo. Eso cría eu.

Logo dunha pequena subida ata chegar ata a altura duns eólicos, empezo a baixar por unha pista ancha sen demasiado desnivel. Vino tan fácil que ata puxen os cascos e disfrutei de algo da música que levaba no iPod mini: Queen, para non variar.

Pero o de que era unha baixada fácil foi un espellismo. No km 94 había unha pequena subida que me levou ata unha zona de baixada técnica. Logo de perder un pouco de altura, empecei a dar voltas por unha zona bastante técnica de pedras, e chegou un momento no que, a pesar de ter claro que non pasara dúas veces polo mesmo sitio, pensei que estaba dando voltas sobre o cumio da baixada sen perder altura e que estaba perdido. Nun momento determinado pensei “Estou no km 94, perdido no cumio do monte, sen ter nin idea de por onde pode estar a baixada, e aquí me vou a quedar ata que me veñan a buscar. Carreira NON acabada no km 94. Pfffffffffffff”. Baixón total.

E nestas que atopei o km 95, seguira correctamente as indicacións. Xusto nese momento empezaba un descenso técnico de algo máis de medio km, que ía a acabar en pistas estreitas e con bastante desnivel, de 1,5 km de lonxitude. Con tantos km nas pernas non era capaz de baixar rápido, nin de trotar, xa que se me ían cargando os xeonllos.

E nestas cheguei ao km 97, no que había un avituallamento sorpresa, no que comín e bebín algo. Logo atravesei o río por uns pasais

pasais

e fixen o último par de km antes de chegar á meta.

O subidón que che pega ao ver o km 99 é impresionante. Só quedaba 1 km.

km_99

Pero ía tan desfondado, tan xusto de forzas, que non tiña ningún tipo de sensacións ao ver a meta. Pero foi escoitar os ánimos do speaker, ver aos voluntarios animarme que se me pasou toda a proba pola cabeza. A sensación de cruzar a meta tras 100 km e 22h 26′ 19″ é indescriptible. É das mellores sensacións que podes ter. Poucas, moi poucas cousas, poden superar esta sensación.

tramo10-desnivel

Marcado

O marcado da proba pareceume excepcional.

Todo o circuito estaba marcado con doble pintada (vermella e azul) con frechas e puntos (como o da seguinte imaxe), con puntos, cintas reflectantes á luz do frontal (como a da imaxe que hai máis abaixo) e no tramo nocturno todo complementado con luces qúimicas que se ven na escuridade, colocadas nas cintas, no chan, nas árbores,…

Só me perdín unha vez, por non ir atento, xa que o cruce estaba perfectamente sinalizado, e foi cuestión de andar 400 metros sen ver indicacións, dar volta para volver a buscalas e ver por onde tiña que ir.

marcado

cintas

Ao chegar á meta danche a correspondente medalla de “finisher”, unha bolsa coa camiseta conmemorativa, un diploma, un cartel da proba e unhas latas de conservas que teñen unha pinta impresionante de Escurís, que aínda non probei.

perlas_da_ria

Curioso que Escurís aínda use o topónimo deturpado “Arosa” na súa denominación comercial…

Levei todo esto ao coche, collín a bolsa para ducharme e fun ata o clube de remo, pero atopei a que pensei que era entrada pechada, polo que decidín ir a comer antes de tratar de ducharme.

O que me esperaba na comida era tamén impresionante: navallas, polbo, mexilóns, carne estofada, tarta de mazá, Albariño, cervexa,… coa abundancia típica galega: se quedas con fame fágoche un bistec. Todo acompañado polas aventuras dos compañeiros de mesa, que viñan de facer o mesmo ca min durante o último día. As drogas post-carreira que aparecen na foto non eran miñas, non as necesitei.

comida

Logo da comida un voluntario acompañoume ata a entrada do clube de remo, que era por un lateral, e puiden ducharme en auga quente, cousa rara nas carreiras nas que tantas persoas chegan diante de ti.

De volta a casa, como volvía só, tocoume conducir. Ao levar unha noite sen durmir e facendo exercicio, sobre as 18:00 horas pegoume tal baixón que tiven que parar un par de horas a durmir no coche antes de regresar á casa.

A recuperación está sendo bastante mellor do que esperaba. Só tiven cargados os xemelgos, sobre todo pola parte inferior, e algo os trapecios, debido aos bastóns de trekking, que non adoito a usar. O martes xa puiden facer algo de bicicleta, moi moi suave.

Acabei cos pes perfectos. Creo que foi unha suma da elección dunhas boas zapatillas (Salewa Ultra Train), o uso do esparadrapo nas zonas nas que prevía que podería ter problemas e o uso do Corpitol.

pe_01 pe_02 pe_03 pe_04 pe_05

Track

Usei o Suunto Ambit 2 Sports cun intervalo de recollida de posicións GPS de 60 segundos, co cal sabía que o track ía a sairme máis corto. O track está dispoñible en Wikiloc: 96,26 km. e 3.597 m. de desnivel positivo.

Powered by Wikiloc

perfil

Un comentario para a organización, que me pareceu de 10. Se o tipo de dorsal que usastes este ano (pulseira de papel, man dereita) o cambiades por unha pulseira de goma, como a da man esquerda (maratón de Berlín, 29/09/2014), tedes unha promoción continua da vosa proba por unha boa parte dos participantes. Eu esta pulseira non a quitei dende hai 2 anos. E con cambiar a cor ano tras ano chega para diferenciar os participantes de cada ano.

pulseira

Unhas fotos que atopei da organización

P6250650 P6250648 P6250649

E se fuches capaz de chegar lendo ata aquí, quizás te plantexes tomar a saída o ano que vén comigo, que digo eu que haberá que mellorar un tempo tan discreto coma o deste ano 😉

6 comments

  1. Moitas gracias polos comentarios.
    Este ano levo 2 andainas de 50km e 1 de 66km con vendaxes de esparadrado e calcetín de algodón e estanme funcionando moi ben, polo que vou a continuar con este método. Cando corro non necesito ningún tipo de protección, xa que o apoio é totalmente distinto ao andar que ao correr.
    Como zapatillas estou usando agora a Mizuno Wave Mujin 3 e estase comportando moi ben: zapatilla ancha, como todas as hormas de Mizuno e suela de Michelín, co que o agarre é bo. Anteriormente estaba usando a Salewa MS Ultra Train, que tamén é moi ancha, pero producíame bastantes máis rozaduras que a Mizuno. Polo de agora prefiro zapatilla de trail que bota de montaña, anque nunca se sabe se ao mellor cambio.
    Respecto ao de ir con roupa longa, como me afecta bastante a calor, prefiro ir con manga e perna curta e crema solar. Pola noite levar 2-3 capas de abrigo (no 2016 con 2 adicionais quedeime curto) e listo.
    Como mochila, acabo de comprar unha Salomon Evasion 25 l., coa que estou moi contento. Permíteme levar o mesmo bidón que o Camelbak (2 litros) e o resto de elementos (roupa de abrigo, botiquín, algo de comida,…), pero trato de levar o xusto, para non cargar con demasiado peso (xa se notan os 2 kg do bidón). O que vou é máis cómodo con esta mochila que co Camelbak, porque non teño que levar o contido tan comprimido. O Camelbak está ben para tiradas máis curtas, 3-4 horas como máximo, pero en andainas longas estou máis contento coa mochila Salomon.

  2. Muy instructivo. Aunque se nota que eres corredor. Si usas calcetines específicos “de montaña” con refuerzos almohadillados en talón, planta y laterales, quizá no necesitarías vendajes. En 2016 hice 5 Andainas de 50 km y ni una ampolla. En 2016 usaba botas (que llevaré en el tramo nocturno de la de 100 de 2017, porque me siento mas seguro) y este 2017 llevo un par de pruebas cortas con zapatillas (unas Salomon). Por lo demás poco que añadir, aunque llevaré algo más de peso y usaré siempre camiseta larga y gorro (de dia y braga de noche) para evitar uso de crema solar. Desde mi costumbre y experiencia en travesías de montaña entre 30 y 40 km con mochila grande (en autosuficiencia y a mapa, y ahora con gps mucho más sencillo), sin límite de horario, creo un error tanto minimalismo en el equipo. Ahora con una minimochila de 20L y apenas 2 kg de peso (incluyendo 1L de agua), creo ir desnudo. Saludos

  3. Uff… estás más puesto en cuánto a material… Las zapatillas son Salomon X Ultra (me dejé aconsejar por el de la tienda especializada dónde compro las botas). Las botas son Bestard Trilogy (http://www.bestard.com/ficha.php?t=582-7725-Trilogy ), las tengo hace unos 3 años (ya les cambié 2 veces la suela, que es lo que más desgasto). Son las que pienso llevar en el tramo nocturno, ya que pese al frontal, no ves dónde metes el pie, y voy más seguro. Estoy muy contento con esta marca (ya es la tercera que compro. También tengo la Crossover ( http://www.bestard.com/ficha.php?t=394-0855-Crossover-BG3 ) que es la que uso normalmente cuando no sé qué me voy a encontrar, o incluso en Ancares o Caurel)). Al usar habitualmente la bota semirigida, con las zapatillas “vuelo”. Respecto a la ropa, llevo siempre pantalones largos, por la vegetación (rozaduras, pinchos, insectos, garrapatas…) y el sol. Antes llevaba manga corta, pero la manga larga técnica tiene otras ventajas, además de la protección del sol. He comprobado en 2 andainas que si empieza a llover un poco fuerte me resulta MUY comodo ponerme el poncho (con capucha ajustable), ya que con la manga corta se te pega a la piel del brazo, pero con la larga no, y el agua que escurra a la manga seca rápido. El poncho, además de cubrir también la mochila, crea una capa de aire bajo el mismo (no va pegado como los chubasqueros) y facilita la transpiración y el secado. Por mi experiencia en rutas nocturnas (suelo hacer 1 al año, en verano, desde hace más de 10 años) creo innecesario llevar puestas más de 2 capas si vas a buen ritmo (el polar lo llevo en la mochila, en bolsa de plástico, pero lo dejo para las paradas un poco más largas (como la de la cena, o avituallamientos)). De arriba llevo 3 capas y poncho. Sombrero para el sol. Uso también guantes sin dedos (de ciclista). Me evitan ampollas de usar los bastones, cómodos si hay que agarrarse a roca o alguna planta, etc
    La mochila, como te dije es de 20 L. No sé la marca. Es más grande que las de la mayoría Me es suficiente y tiene dos redecillas exteriores para 2 bidones. Como mi costumbre es usar la de 40 L en las salidas normales (incluso Senderismo), pues esta ligereza redunda en poder ir más rápido. No obstante, NO RENUNCIO al equipo básico de “por si acaso”, aunque reducido (minibotiquín, manta emergencia, chaleco reflectante, silbato, frontal, pilas de repuesto (para gps y frontal), Pañuelos de papel, bolsas congelados (para poner en pies en urgencia), toallita de microfibra, calcetines repuesto, camiseta repuesto. Navaja multiusos). Saludos

Leave a comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.