X Andaina Concello Salceda de Caselas – 2017

O sábado 20 de maio do 2017 participei por segunda vez na Andaina Concello Salceda de Caselas (esta foi a miña primeira andaina hai 1 ano), encadrada dentro da Copa Galicia de andainas de 50 km, que transcurriu polos camiños e sendeiros dos concellos de Salceda de Caselas, O Porriño e Tui. No meu caso participei na de 50km. Ademais había outras 2 versións, de 33 km con subida ao Aloia e de 30 km planos.

A continuación describo a proba, tanto a información previa como a proba en si.

Información previa

A información previa á andaina foi completa, dispoñible na web do Centro Cultural que a organiza. Creo que non botei de menos ningún tipo de información.

  • Horario de saída: 09:00 horas dende a A.C. O Coto de San Estevo de Budiño.
  • Recollida de dorsais : unha hora antes.
  • Avituallamentos: Os avituallamentos e puntos de control estarán indicados no carnet de ruta (non indicaban cantos, pero polo ano anterior, suficientes).
  • Prezo inscrición: Federados 10 euros. Non Federados 12 Euros.
  • Ubicación da saída. 42°05’20.2″N 8°36’55.9″W – 42.088944, -8.615528.
  • Información (PDF).
  • Regulamento (PDF).
  • Planos (PDF).

Cartel da proba

Perfil da proba

Plano da proba

Track

Non dispoñible.

Inscrición

A través do formulario da web. Pagamento por transferencia bancaria. Sen ningunha incidencia. Como mellora podería ter o pagamento con pasarela bancaria.

A proba

Datos do meu reloxo (Suunto Ambit2 Sports):

  • Distancia: 51,54 Km.
  • Desnivel positivo: 2.124 m.
  • Desnivel negativo: 2.124 m.
  • Tempo: 9h 33′.
  • Track: descarga. En Wikiloc.

Datos subxectivos:

  • Marcaxe: excelente. Era imposible perderse. Aínda non rebasabas unha marca e xa vías a seguinte.
  • Avituallamentos: moi completos, con barras enerxéticas, moita froita (plátanos, laranxas, sandía, melón,…), froitos secos, bocadillos, auga, bebida isotónica, empanada,… E ao acabar, callos. Dos mellores avituallamentos que te podes atopar.

Neste documento (PDF) a organización detalla todas as zonas de paso.

Visto o perfil da proba, esta podíase dividir en 3 partes:

  • Unha primeira na que se subía e se baixaba o monte Aloia, ata chegar a Tui. A subida, duns 11 km, é dura, anque ao estar ao inicio da proba faise levadeira.
  • Unha segunda parte que vai dende Tui ata Caldelas de Tui, que ía ao borde do río Miño, na súa maior parte por zonas sombreadas.
  • Unha terceira parte que saía do río Miño, dende Caldelas de Tui, e pasando polas cercanías de Salceda de Caselas, chegaba á meta, por unhas zonas de pista e monte con continuos sube baixas.

Partíamos do Centro Cultural O Coto, e tras 6 km de sendeiros máis ou menos planos, en parte polo Camiño de Santiago (en sentido contrario), empezamos a subida. Era unha subida continua, con rampas duras e moi pouca zona de descanso.

Chegamos ao km 10, onde logo dunha forte rampa estaba o primeiro avituallamento.

As vistas, espectaculares.

Coa altura empezaba a escasear a arboleda, que nos protexía do sol.

Acercándonos ao cumio víase o Val Miñor, Baiona, as Illas Estelas, Nigrán, as Illas Cíes e a Serra do Galiñeiro. Unhas vistas impresionantes.

E case chegamos á cima. Antes pasamos pola ermida de San Xiao.

Tras facer un segundo avituallamento ofrecido polo Bar Monte Aloia, continuamos unha pequena pista e chegamos á Cruz do Monte Aloia, dende a que hai unhas vistas espectaculares, con vistas ao Baixo Miño e Portugal ao outro lado do Miño.

E empeza unha baixada preciosa, toda por sendeiros de monte, un bo pedazo pola beira dun rego (o Rego da Pedra, fermoso) e por unha zona de muíños.

A media baixada está o segundo avituallamento oficial (o anterior era ofrecido polo Bar Monte Aloia).

Antes de entrar en Tui, ao chegar a Randulfe, pasamos por unha especie de túnel por debaixo da autovía, por onde vai encauzado o río.

En Tui entramos por unha ponte de pedra preciosa. A continuación un voluntario guíanos hacia o Camiño de Santiago portugués, que usaremos para atravesar Tui. Pasamos polo casco antigo e por diante da Catedral.

Unha vez que saímos de Tui temos o terceiro avituallamento. Pasamos pola Ponte Romana, baixamos ata a beira do Miño e xa enfocamos a segunda parte da andaina, que nos levará á beira do Miño ata Caldelas de Tui.

Antes pasamos por unha zona intermedia, atravesando un precioso trigal, algo que escasea nestes tempos.

A maioría do tramo faise por sendeiros pegados ao río e que están tapados por árbores, feito que se agradece ao ir a 30 ºC.

Chegando á zona de Caldelas de Tui a arboleda desaparece. Imos por zonas onde o sol pega duro, cunha paisaxe impresionante.

Unha vez que saímos do río tiramos cara a Salceda de Caselas pola senda do río Caselas, que é bastante plana e preciosa, para logo entrar no monte, nun sube-baixa continuo.

Queda pouco.

Está feito.

Meta e último avituallamento, esta vez sentado.

E, para rematar, deixo un vídeo que me enviou a organización con fotografías da proba

Resumen

Proba moi ben organizada, dura pola subida ao Aloia e pola última zona algo rompepernas. Merece a pena facela.

Unha cousa máis

Veña, xa me flipei estilo Steve Jobs. Se só ides a facer unha andaina de 50 km en todo o ano, facede esta: bastante boa información antes da andaina, percorrido impresionante (diferente cada ano), avituallamentos tremendos e algo que non se pode describir pero que se nota: o cariño co que a organización fai todo.

2 comments

  1. Lástima no saber antes tu opinión. Parece muy bien organizada (al contrario de la última que hice, donde solo se veía a la organización en los avituallamientos. NADIE en los cruces peligrosos de carreteras). El que estas Andainas sean en dia LABORAL hace que tenga que ser muy cuidadoso al escoger los días (los cojo “de vacaciones”) y es una faena si tropiezas con una prueba que no esté a la altura. Saludos

  2. Levo 2 anos facendo esta proba e a impresión que me levei os 2 anos foi moi boa. O malo das andainas de 50 km en Galicia (as da Copa de Andainas da Federación Galega de Montañismo) é que son os sábados, e moitos temos que facer virguerías para poder ir. Se fosen en domingo iría a todas.

Leave a comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.