Pontevedrada. Andaina-marcha solidaria nocturna de Pontevedra a Santiago de Compostela

O pasado fin de semana (29-30 de abril do 2017) participei na Pontevedrada, unha andaina-marcha solidaria nocturna de 63 kilómetros (creo que algúns máis) polo Camiño de Santiago portugués, dende Pontevedra ata Santiago de Compostela. Era a sétima edición dunha marcha que se celebra o último fin de semana de abril. O obxectivo é concienciar á poboación da grande importancia da doazón altruista de sangue, órganos, tecidos e médula. É unha iniciativa que me parece moi interesante apoiar, e coa que concordo, xa que levo 20 anos doando sangue (a última vez hai 2 meses) e hai 18 anos que son doante de órganos. Teño pendente facerme doante de médula, cousa que espero deixar solventada este ano.

A continuación describo a proba, tanto a información previa como a proba en si.

Información previa

A información previa á andaina non foi moi extensa, pero si a necesaria para non botar de menos ningún elemento. O que creo que é mellorable é centralizar toda a información nunha web, como teñen outras andainas, e que esta mesma andaina usou ata o ano 2015.

O reglamento, coas condicións para inscribirse, estaba dispoñible na web da Organización Nacional de Transplantes (copia local) e tamén tiñan información na súa páxina do Facebook e en Twitter. Ademais había unha carpeta con documentos nun Google Docs, de cuia existencia me enterei durante a carreira, na que aparecía:

Como podedes ver, todo o necesario para afrontar a andaina con coñecemento e garantías.

É importante recalcar, tal e como especifican no apartado 9 do regulamento, que é unha andaina en autosuficiencia. Esto quere dicir que se hai bares abertos ou furgonetas de apoio con avituallamento, pois son ben agradecidas, pero que te tes que buscar a vida e levar o necesario enriba para chegar a Santiago ou a onde fixes o teu obxectivo. E no da autosuficiencia inclúese consultar a previsión metereolóxica, porque se caen chuzos de punta, como sucedeu este ano, non podes culpar de nada a ninguén máis que a ti por falta de previsión e prudencia.

Esta era a previsión metereolóxica o día antes, polo que sabía de antemán que ía a pasar unha noite moi dura, co cal estaba nas miñas mans equiparme adecuadamente, fixar un obxectivo máis curto ou directamente non ir.

Cartel da proba

Perfil da proba e track

Non estaba dispoñible, pero era tan sinxelo como buscar en Wikiloc as tres últimas etapas do Camiño de Santiago portugués:

En total 68,29 km e 792 m de desnivel positivo (D+). Hai unha pequena diferencia co que indica a organización (63 Km), que simplemente hai que ter en conta.

Inscrición

A inscrición facíase por correo electrónico, aportando unha serie de datos indicados no regulamento. No momento da recollida do dorsal (que era unha medalla de madeira co nome e o número de dorsal, moi orixinal) había que aportar 5€. Tamén entregaban un bocadillo e dous plátanos. Sen ningunha incidencia, todo correcto, áxil e rápido.

A proba

Datos do meu reloxo (Suunto Ambit2 Sports):

  • Distancia: 63,7 Km.
  • Desnivel positivo: 2.273 m.
  • Desnivel negativo: 1.989 m.
  • Tempo: 15h 29′.
  • Track: descarga. En Wikiloc.

Hai que ter en conta que levaba o reloxo en modo de baixo consumo, polo que tomaba unha posición GPS cada 1 minuto, co cal a distancia seguramente sexa 2 ou 3 km máis, tal e como se reflexa noutros tracks. Ademais parei, sen darme conta, o reloxo durante un bo rato, co cal non estiven medindo ata que me din conta.

Datos subxectivos:

  • Marcaxe: excelente, xa que son as marcas do Camiño de Santiago portugués. Comentar que en Caldas de Reis e en Padrón seguín aos que ían diante, ante a ausencia de sinais. Ninguén dos que íamos xuntos vía ningunha sinal nestas dúas zonas urbanas.
  • Avituallamentos: era unha proba en autosificiencia, polo que había que buscarse a vida nos avituallamentos. De todas formas, a organización estableceu varios puntos de avituallamento ou concertou con varios bares para que estiveran abertos. Ao arrancar entregáronnos a folla de ruta, onde indicaban que establecementos estarían abertos:
    • San Amaro (Barro). Km 10. A Pousada do Peregrino” e “Mesón Don Pulpo”. Aquí daban bebidas, bocadillos e plátanos.
    • Cafetería “Termas” (Caldas de Reis). Km 21. Aquí cada un pagaba o que consumía na cafetería.
    • Ultramarinos “San Miguel” (Parroquia de San Miguel – Valga). Km 35. Aquí cada un pagaba o que consumía na cafetería. Non paramos.
    • Hotel “Scala” (Pazos – Padrón). Km 40. Aberta a partir das 05:00 horas. Aquí cada un pagaba o que consumía na cafetería.
  • Houbo uns avituallamentos sorpresa cunha furgoneta sobre o km 15, o km 25 e o km 58, no que daban bebidas, bocadillos e plátanos. O único que botei en falta foi algún establecemento aberto ou algún punto de auga entre Padrón e Santiago.

A proba foi dura pola distancia, pero, sobre todo, pola mala noite de chuvia que tivemos. O desnivel era reducido, quitando algunhas pequenas subidas chegando a Santiago, nos últimos 10 km. Empezou a chover sobre as 10 da noite e non parou ata a saída do sol, sobre as 7 da mañá. Houbo algunha parada na choiva, moi pequena, e unha franxa entre as 2 e as 4 da mañá na que chovía a cántaros.

Fun con Lino, un amigo de O Grove de tempos da Escola de Telecomunicacións de Vigo. El agora está traballando en Madrid, pero aproveitando a ponte do 1 de maio veu a Galicia e animouse a participar na andaina. A última andanza que compartíramos xuntos fora a VigBai do 2011, antes de que toda a historia esta do “running” se puxera de moda. Daquela simplemente saíamos a correr, non a facer running.

Cheguei á Praza da Peregrina sobre as 17:50 horas, para recoller o dorsal, un bocadillo e un par de plátanos que daba a organización. Puxémonos a facer algo de tempo nunha terraza, a poñernos ao día das vidas de cada un, a cotillear un pouco, a prepapar os pés para evitar as bochas (ampollas),…

Cargándonos de cafeína, en previsión do que nos esperaba
Selfie previa á saída

Partimos ás 8 da Praza da Peregrina de Pontevedra, facendo un pequeno recorrido urbano ata enlazar co Camiño de Santiago. Imos por unha zona moi sinxela, semirural, con casas cada certo tempo, e todos en pelotón, conversando, ata chegar a San Amaro (Km 10), no que a organización estaba entregando bebidas, bocadillos e plátanos. Collemos algo de comer e de beber e continuamos case sen parar.

Polo casco histórico de Pontevedra

En breve faise de noite, co que xa temos que usar os frontais. Nunha noite de choiva como esta agradeces que o frontal leve a batería e as partes que poden fallar debido á humindade na parte posterior, non no frontal, xa que esas partes non se mollan se levas a capucha posta.

Avituallamento no km 15. Xa empezara a chover

Continuamos co obxectivo de alcanzar Caldas de Reis. Xa empeza a chover, co que sacamos das mochilas as capas aillantes para resgardarnos. Moi importante levar unha boa chaqueta cunha boa membrana Goretex ou similar, que che permita ter o corpo seco. Eu non levei un pantalón deste tipo e boteino en falta. Sobre levar zapatillas cunha membrana deste tipo (eu levaba as zapatillas Mizuno Wave Mujin 3 sen Goretex), non o teño claro se merece a pena, xa que cando entra auga dentro da zapatilla (que acaba entrando) vólvese complicado eliminala. Por agora a Mizuno Wave Mujin 3 estase comportando moi ben: zapatilla ancha, como todas as hormas de Mizuno e suela de Michelín, co que o agarre é bo.

Sobre o km 15 déronnos un avituallamento cunha furgoneta, no que había bebidas, bocadillos e plátanos.

Ao chegar a Caldas de Reis (km 21, sobre as 00:00 horas) sentámonos nunha mesa no interior da cafetería e tomamos un par de bebidas quentes, que nos sentaron fenomenal. Lino aproveitou para protexer os pés con esparadrapo. Pararíamos demasiado, uns 19 minutos, e decidimos continuar, atravesando o pobo, con dirección a Padrón. Levábamos un bo ritmo, sobre 5km/h.

Continuamos cara Padrón, no tramo que para min sería o máis complicado, xa que entre Caldas de Reis e Padrón caeunos unha choiva continua e moi abundante. Por veces parecía que estiveran tirando a auga cunha mangueira. Percorrimos moitos tramos do Camiño que, ao ser de terra, estaban completamente asolagados de auga e barro, co que os pés ían completamente empapados e fríos. Pero íamos levándoo bastante ben, con zonas nas que xa non víamos máis xente e cun ritmo adecuado para o noso obxectivo, que era chegar a Santiago nunhas 13-14 horas.

Sobre o km 25 volveu a aparecer a furgoneta co avituallamento, no que había bebidas, bocadillos e plátanos.

Cando pasamos pola ponte en Pontecesures, xusto antes de chegar a Padrón, o vento e a choiva complicaban moito a camiñata, facéndoa tremendamente desagradable.

Chegamos a Padrón e pasámolo como puidemos, seguindo aos de diante, xa que non atopamos frechas amarelas, non sen pensar en meternos nun dos pubs que estaban abertos ás 4 da mañá e tomarlle algo.

Pouco despois de pasar Padrón chegamos ao último punto de avituallamento que atoparíamos, o hotel Scala. Entrar alí foi coma entrar no paraíso, xa que co frío que levábamos, entrar nun sitio tan quente era moi reconfortante. E aquí lle paramos 40 minutazos, coma 2 jefes. Claramente este foi un erro grande, xa que volver a saír ao frío volvíase moi duro, cos músculos agarrotados.

No hotel Scala, no que nos trataron fenomenal e no que había moita xente descansando, da cal a maior parte xa se quedaría aquí e non sairía cara a Santiago, tomamos uns cafés e un batido quente para darlle temperatura ao corpo. Eu nin quixen sacar as zapatillas, xa que levaba tan ben os pés que me daba medo facer algo e cagala. E fixen ben, porque acabei cos pés perfectos. Pero Lino levaba 3 bochas (ampollas), 1 en cada talón, na zona traseira, e outra na parte dianteira da planta do pé. Entre os dous fixemos o que puidemos para curalas, quitándolles o líquido e protexendo unha cun Compeed e outras dúas con esparadrapo.

Aproveitei para poñerme un forro polar, levando desta forma 4 capas: 2 térmicas, 1 polar e 1 chaqueta con membrana Goretex. E se levara máis, máis poñería.

E chegaba a peor parte, o rock and roll da proba, a parte que me gusta ilustrar sempre coa mesma canción dos AC/DC

Saímos do hotel Scala pasadas as 5:15 horas e a sensación térmica que había fóra era moi desagradable. Estiven a -14 ºC na Marmolada con mellores sensacións que neste momento. Tan pronto saín ao exterior empecei a tiritar. Lino non quería arrancar, había parellas discutindo se continuar ou se quedarse no hotel, con chantaxes emocionais, supoño que froito do cansancio, do frío, das horas sen durmir,… Todo moi surrealista, moi berlanguiano. Logo de estirar as pernas un par de minutos conseguín que Lino empezara a camiñar e ao pouco xa volvín a entrar en calor. Ía cansado pero cun estado decente para chegar a Santiago sen problemas. E Lino aínda ía máis ou menos ben.

Continuamos camiñando e volvendo a entrar en calor. Cando nos demos conta xa empezaba a clarexar e empezamos a ver algún camiñante que estaba facendo a última etapa do Camiño de Santiago. Atopamos un grupo de rapazas portuguesas moi numeroso. Como se notaba que ían frescas, que levaban unha amplitude de zancada e unha cadencia que para nós xa era imposible nese momento.

E sobre as 7 da maña, xa con luz natural e cun ritmo máis baixo, Lino empezou a virse abaixo. Non era capaz de manter o ritmo, ía cunha amplitude de paso cada vez máis curta e con menor cadencia. Eu trataba de animalo continuamente e incluso me adiantaba uns metros para que seguira o meu ritmo, pero el quería parar e abandoar. Estivemos así uns 3 km, nos que se nos acabou a auga (cagada nosa) e sen ningún sitio aberto para poder comprar bebida ou algunha fonte onde poder beber. Nun momento fun consciente de que aínda nos faltaban uns 13-14 km e que ía a ser moi complicado que Lino puidera facer meta na Praza do Obradoiro, e ía a ser unha auténtica tortura para el. Estaba totalmente agarrotado, as pernas non lle ían, así que decidimos parar na entrada dunha nave agrícola, avisar ao pai de Lino e esperar a que viñera dende O Grove a buscalo. Lino insistíame en que seguira o camiño, pero de ningunha maneira se pode deixar só a un compañeiro que está tocado. Se hai que abandoar, abandóase, se hai que chegar á meta fóra de tempo, chégase, pero marchar deixando a un compañeiro tocado é o último que se pode facer.

Aquí botei de menos que a organización tivera algún medio para sacarnos ata a Praza do Obradoiro. Apareceu un quad da organización, pero segundo nos contou non podía andar pola estrada, polo que non podía acercar a Lino ata o Obradoiro. Non me queixo, xa que a proba é en autosuficiencia, feito que coñezo dende que me inscribín nela.

E chegou o pai de Lino cun termo de Colacao, que me sentou de marabilla. Despedímonos e continuei eu só, tras unha parada de algo máis de 1 hora.

Lino, o ano que vén chegamos xuntos ao Obradoiro!!!!!

Continuei o camiño a un ritmo suave, xa que as pernas ían cargadas.

Ao pouco atopei unha caravana onde vendían bebidas, que me deu a vida.

O tramo que quedaba, duns 13 km, é o máis duro da Pontevedrada, xa que é moi rompepernas, con continuas subidas e baixadas, con cambios continuos de superficie e cunhas cantas subidas pronunciadas, como a que chega a Milladoiro, onde se encontraba o último avituallamento.

Ou algo se cruzaba ou o Obradoiro estaba feito. Rock and roll.

E entre pitos e frautas fun chegando a Santiago, tendo que decidir nunha bifurcación se ía por Santa Marta ou por Conxo. Non tiña nin idea deste feito. Comenteino cunha parella de alemáns e o rapaz, sen máis, tirou de Google Maps e decidímonos a continuar por Santa Marta. Fun charlando un rato coa parella alemana ata que decidiron incrementar o ritmo, xa que o domingo só facían 13 km.

Ao pouco a ruta xa se me facía coñecida, a entrada Sul de Santiago pola rúa Rosalía de Castro, a Alameda e a famosa rúa do Franco, que desemboca na Praza do Obradoiro, a meta máis bonita das que teño chegado (esta por terceira vez).

Chegada á Praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela. Non hai meta máis fermosa que esta

No vídeo réstolle 1 hora ao tempo real porque non sabía que tivera parado o reloxo uns 65 minutos. Ao final foron 15h 29′, que cunha noite decente e sen incidencias, a un ritmo normal, terían quedado nas 13-14 horas fixadas inicialmente. Toca volver o ano que vén a ver se a miña previsión é realista ou son demasiado optimista.

Tras ir ao stand da organización a rexistrar a chegada bebín algo máis e fun ao Hostal dos Reis Católicos, onde a organización, en convenio con Osteópatas sen Fronteiras, nos pegaba un repaso ás zonas que traíamos máis danadas. E como o mundo é un pano, alí me atopei a Bea, unha compañeira do Atletismo Porriño, que levaba toda a noite colaborando coa ONG.

Tras acabar a sesión viñeron a buscarme, marchei coa familia e amigos a unha casa que tiñamos alugada en Teo, dinme un baño dunhas 2 horas (polo menos, case me quedo durmido), siesta toda a tarde e coma novo. Levei moi ben a recuperación, sen ningún músculo cargado pero si cun potente resfriado que collín polo mal tempo que tivemos.

Agradecer á organización e a todos os voluntarios que estiveron pringando para que nós puidésemos “disfrutar” da andaina, así como á Garda Civil, Policía Local e Protección Civil, que velaron pola nosa seguridade. Sen o voso traballo este tipo de eventos non sería posible.

Resumen

Proba ben organizada, dura pola noite de tanta choiva que tivemos, pero que merece a pena facela, sobre todo pola causa que apoia. O ano que vén repito e tratarei de facer meta con Lino.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *