II Toxiza Classic Xtreme

O domingo 1 de maio do 2016 participei na carreira II Toxiza Classic Xtreme, na súa versión curta, de 20km.

Non adoito falar de deporte no blog, pero esta carreira é especial, xa que parte a 400m. da casa onde nacín e me criei (unha marabilla ir andando dende a casa dos teus pais ata a saída), dende a praza da Catedral de Mondoñedo, e recorre os principais montes de Mondoñedo, subindo ao pico da Toxiza (829m) e na versión longa (40 km) atravesa a Fraga Vella e a Pena da Roca, para facer meta tamén na praza da Catedral.

O primeiro, felicitar á organización polo ben organizado que estivo todo, empezando pola bolsa do corredor, composta por produtos típicos da zona: tarta de Mondoñedo (La Alianza, a mellor de todas), fabas de Lourenzá, mel do Valadouro e cervexa artesá. Ademais, unha camiseta técnica conmemorativa da proba, de boa calidade. Unha pasada, ao que non estamos acostumados na maioría das carreiras.

A recollida do dorsal podíase facer o día anterior á carreira ou o mesmo día, o que permite que moita xente se desprace á carreira o mesmo día.

13006707_985929871443396_2337373699140477420_n

A proba, que logrou xuntar a 171 persoas, a maioría na versión curta (20 km), saiu ás 8:00 da mañá. Bo acerto por parte de organización facer este ano a carreira de 20 km, moito máis asequible que unha de 40 km, ao alcance de non moitos, o que permitiu que se inscribira moita máis xente.

Tivemos un día espléndido, cun sol primaveral que se agredece en Mordorñedo, como lle chaman a Mondoñedo os meus amigos do Sur de Galicia. O terreo estaba case seco e con pouco barro, o que fixo que o percorrido non fora tan pesado como o ano pasado, que había lama por todos lados, o que dificulta moito as subidas.

IMG_8700_1024

A proba, que sae da praza da Catedral de Mondoñedo, discorre polo casco urbano durante 1km e deixa o asfalto no km 1.5, onde xa empezan as rampas de subida polo monte, que no meu caso me leva a empezar a alternar correr e andar.

No km 3 chegamos a un cortalumes impresionante, que te obligaba a baixar con moito moito moito coidado.

A partir de aquí terreno chan e baixada, que permitía correr ben.

E no km 5 empezaba o rock and roll, empezaba a subida á Toxiza. Subida continua bastante pronunciada ata o km 8, cun avituallamento correcto e ben organizado neste punto. Dende aquí había unha pequena zona de chan e baixada, que precedía ao último km ata facer cumio na Toxiza, no km 10.

A partir de aquí empezaba unha baixada continua con zonas chás, por monte e pistas, ata o km 17, cun avituallamento correcto no km. 14. No km 17 volvíamos a atoparnos co cortalumes, pero esta vez había que subilo. Chegas desfondado e acabas subindo a gatas.

Logo 2.5 km de baixada, a última subida na entrada a Mondoñedo na zona do antigo cemiterio e chegada á praza do Catedral, de onde saimos. Algo máis de 3 horas, un tempo moi discreto.

Grifo de cervexa e bolos preñados na meta.

E logo comida con todos os corredores, no Seminario de Mondoñedo, á que non me quedei para poder comer coa familia.

E todo por 15€ (máis 3€ para o seguro daqueles que non estamos federados en montaña).

O perfil da proba é este:

II Toxiza Classic Xtreme

Resumo: día bo, paisaxes impresionantes, percorrido con bastante por monte e pista (só toca o asfalto na saída e chegada no casco urbano), moita dureza na subida, avituallamentos correctos (grifo de cervexa e bolos preñados na meta) e organización excelente. Unha carreira para repetir ano tras ano, e eso que tiña ganas de facer algún ano a andaina dos 101 Peregrinos, pero como sigan coincidindo as datas non creo que a faga.

Melloras (comentario constructivo): na zona da Toxiza houbo algunha xente que se perdeu porque non atoparon as marcas. Eu non me perdín na subida porque a coñecía do ano pasado, pero xusto onde comeza a última subida polo monte antes do avituallamento do km 8, 4 corredores que levaba diante seguiron pola pista hacia a esquerda. Logrei avisalos antes de perderlles a pista e subimos todos xuntos. Nos últimos 3 km, na zona que se fai en ambos sentidos, cando regresabas nalgún cruce había que parar a mirar as indicacións de ida, xa que te podías perder facilmente, porque segundo me pareceu as indicacións estaban máis pensadas para a ida que para a volta.

O track da proba en wikiloc.

E a miña chegada, gracias a ChampionChipNorte, que sempre dan un bo servicio. Boa elección por parte da organización.

13130939_981589255243814_7903251816991742068_o

Leave a comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.