Andaina Costa Ártabra – 2017

O sábado 10 de xuño do 2017 participei por primeira vez na Andaina Costa Ártabra, organizada polo Clube de Montaña Ferrol, que transcurriu polos camiños e sendeiros dos Concellos  de Ferrol. Só había 1 versión, a de 50 km.

A continuación describo a proba, tanto a información previa como a proba en si.

Información previa

A información previa á andaina foi completa, dispoñible na web da Andaina Costa Ártabra. Creo que non botei de menos ningún tipo de información.

  • Horario de saída: 09:00 dende A Malata en Ferrol.
  • Recollida de dorsais : media hora antes, na saída.
  • Avituallamentos: 6 puntos, cada 8/10 km.
  • Prezo inscrición: 16 euros – 12 euros a federados. Por fin unha proba onde non che dan camiseta, só cha cobran (2€, para cubrir custos) se a queres, xa que co tempo acabas cunha cantidade tremenda de camisetas.
  • Ubicación da saída. A Malata en Ferrol (sen coordenadas), pero simplemente había que chegar ao complexo deportivo e buscar o feixe de coches, que a esa hora dun sábado a xente “normal” está durmindo ou traballando.
  • Itinerario (PDF) onde se describe todo o percorrido.

Cartel da proba

Folleto

Perfil da proba

Plano da proba

Track

Non dispoñible.

Inscrición

Cubrías unha ficha de inscrición, facías a transferencia bancaria e enviabas esa documentación: ficha de inscrición, xustificante da transferencia bancaria e fotografía da licencia federativa (só para os federados). Como mellora podería ter o pagamento con pasarela bancaria.

A proba

Datos do meu reloxo (Suunto Ambit2 Sports):

  • Distancia: 50,69 km.
  • Desnivel positivo: 1.699 m.
  • Desnivel negativo: 1.699 m.
  • Tempo: 10h 28′.
  • Track: descarga. En Wikiloc.

Datos subxectivos:

  • Marcaxe: excelente. Estaba todo o camiño marcado con doble punto ou dobre franxa de cores amarelo e violeta, en recordo das cores da flores do toxo e da uz moura (minipunto para a organización). Non me perdín nin unha vez.
  • Avituallamentos: suficientes, tanto en número como en contido: auga, isotónica de 2 tipos, froita (plátano e laranxa) e galletas de varios tipos. No km 33, onde daban a comida, había ademais un bocadillo de xamón e queixo ou de tortilla. Todo moi completo. Non botei en falta nada.

Esta vez non ía só, liei a Jorge, un amigo da Coruña.

Selfie obrigatorio antes de saír (para unha vez que non vou só).

Partíamos da Malata. Minicharla antes de saír e marchamos, que temos que marchar.

Saimos por zona semiurbana e ao pouco xa nos metemos no monte e primeira subida forte hacia a Ermida de Chamorro. Aínda imos frescos, así que se fai sen problemas.

Ao pouco unhas subidas fortes con zonas chans. No km 8 o primeiro avituallamento.

Sobre o km 11 espérannos estas espectaculares vistas.

Aínda iamos frescos

Desde este punto baixamos ata a zona de litoral, concretamente ata a Praia de Ponzos, pasando xusto polo borde da praia.

Continuamos bordeando a Praia de Santa Comba, ata chegar preto do Faro do Cabo Prior. Aquí atopamos o segundo avituallamento.

Tiramos ata a Praia do Vilar, dende a cal volvemos hacia o interior (aquí atopamos o terceiro avituallamento), por unhas zonas de piñeiros preciosas.

Dende aquí voltamos outra vez á costa, para bordear a Praia de San Xurxo.

Chegamos ao km 33,3, onde está a comida (cuarto avituallamento), no local social de San Xurxo. Aquí paramos bastante tempo (case 25 minutos, como señores), collemos o bocadillo e as bebidas que nos dan, comemos con tranquilidade, descansamos, estiramos, escoitamos algunha conversa que nos da bastante vergoña allea (que comentarei ao final da entreda) e continuamos co corpo algo recuperado.

Dende aquí tiramos ata a Praia de Doniños, pasando por unha pasarela de madeira longa. A continuación bordeamos a Lagoa de Doniños.

A partir de aquí regresamos ao monte, cunhas subidas continuas, entre as que atopamos o quinto avituallamento.

Outras subidas e chegamos á zona do alto do monte do Chá, cunhas vistas impresionantes de todas as rías. Vense parte das Rías Medias de Galicia, empezando pola de Coruña, onde observamos perfectamente a Torre de Hércules, para continuar coa Ría de Betanzos, Ares e, obviamente, a de Ferrol, na que nos atopamos.

Nesta planicie elevada que forman os montes do Chá temos que parar a estirar, xa que imos algo cargados das pernas.

A partir de aquí iniciamos o descenso. Atopamos o sexto avituallamento en Brión, a uns 5 km da meta. Seguimos baixando ata chegar ao paseo marítimo de A Cabana, que nos levará ata a meta, situada na Malata.

Alí entrégannos os típicos diplomas que acreditan que rematamos a proba (sen tempo, xa que é unha proba non competitiva, minipunto para a organización) e un compás, que algún día terei que aprender a usar. Sorte que tamén trae silbato, que é máis sinxelo de usar.

Duchámonos no mesmo pabillón de onde saímos, en auga quente, algo que se agradece a pesar do tremendo día de calor que tivemos, para quitar toda a terra que traemos polo corpo.

Sorprendeume que non tivéramos controis de paso nos avituallamentos, anque non creo que ninguén se meta a facer unha proba deste tipo para poñerse a acortar polo monte ou facer tramos en coche, moto,… Escoitei na comida comentarios verdadeiramente negativos sobre este feito. Creo que o mellor que pode facer este tipo de xente “tóxica” e non participar neste tipo de probas que se realizan de forma desinteresada e poñendo moitas horas a fondo perdido por parte dos organizadores.

Moitas gracias á organización por esta proba!!!!!

Resumen

Proba ben organizada, cunha dureza xusta, non excesiva (que se incrementou polo día de calor que tivemos) que me permitiu coñecer zonas das Rías Medias. Recomendada.

One thought on “Andaina Costa Ártabra – 2017

  1. Gracias por pasarlo bien con nosotros y disfrutar de nuestro concello, es la mejor recompensa que nos dais los que participáis.

Leave a Reply

Your email address will not be published. Required fields are marked *